sábado, 1 de agosto de 2009

CAMIÑO ADIANTE...



En setembro de 1910, o noso poeta embarca cara a América, no vapor Dania.

Este é o primeiro poema do seu primeiro libro: "Camiño Adiante", No Desterro, Visións Gallegas, La Habana, Cuba, 1913. Volverá a aparecer en Da Terra Asoballada de 1917 e na 2ª edición deste mesmo libro de 1926.


CAMIÑO ADIANTE…

Camiño adiante, triste sin congoxa,
a frente erguida, o paso ventureiro,
ó lombo un pau e nel cangada a roupa
envolveita nun pano, o pensamento
na chouza en que vivéu seus anos mozos,
o amor á terra en que nacéu no peito,
unha visión de brétema nos ollos
e unha copra nostálxica nos beizos
camiño adiante…adiante… ¡sempre adiante!
alónxase da aldea o bon labrego.
Creente nas virtudes da súa raza,
valente no sufrir, forte, sereo
coa humilde maxestá daqueles reises
relixiosos, pastores e guerreiros
que adouraban a Dios nas altas cumes
da noite no misterio,
tiñan por pazo unha cativa chouza
e o trono ó pé dun vello castiñeiro;
canso de sementar en terra escrava
de vergoñosos feudos;
agrilloado por ladróns caciques,
amos sin lei e sin honor; famento
do día da xusticia que alumée
a libertá dos servos,
do día en que o fouciño,
sin piedá, sin perdón, a lume e sangue,
dende os castros suevos
ás covas en que os lobos se entobaron
baixe en nome de Dios e do Dereito,
buscando redención…,camiño adiante,
alónxase da aldea o bó labrego.
Abride paso ó loitador! Da mina
no temeroso e abafante seo,
sudando a fío baixo o sol ardente,
batido pola neve e polo vento
na montana, mollado na lameira,
antre as aréas roxas do deserto,
sobre as ágoas do mar, no bosque virxe…
traballará pra redimir seus eidos
crebando sobre as testas dos tiranos
as cadeas que o teñen prisioneiro.

E trunfará na loita que en sí leva
as forzas que han de darlle o vencimento:
fé cega no porvir, o nobre e santo
amor á terra en que nacéu no peito,
unha visión de brétema nos ollos
e unha copra nostálxica nos beizos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario