viernes, 30 de julio de 2010

PÁXINA WEB DE ADELA LEIRO

Estupenda páxina web creada pola nosa amiga Adela Leiro, que pon desinteresadamente e a disposición de tod@s o seu traballo fotográfico, artístico e científico froito de moitos anos de esforzo. Podes vela aquí.

Entre as xoias que atesoura está esta montaxe sobre Cabanillas e a natureza, disfrutádeo.

domingo, 25 de julio de 2010

VIGO, 25 DE XULLO DO ANO 1930


O 25 de xullo de 1930 gran parte dos nacionalistas galegos reuníronse en Vigo para celebrar o 25 de xullo. Primeiro asistiron no Teatro García Barbón aos discursos de Otero Pedrayo ou Castelao e logo a un xantar na Barxa, onde se tirou esta foto. Nela aparecen na primeira fila e de esquerda a dereita: Miguel Bezares, Fernández Mato, Castelao, persoa sen identificar, Valentín Paz Andrade e Ramón Cabanillas (con sombreiro e bastón).

Nese xantar leu Cabanillas este poema:

NO XUNTOIRO DA BARXA

A cumprir as escuras vaguedades,
da costa verdecente ten chegado
o bardo das edades,
lanza e escudo dos bos e xenerosos,
o que apreixou outrora,
no ben acompasado
fungar dos rumorosos,
a profética voz alentadora.

Está con nós, ergueito á beira nosa,
o do céltigo clan, mestre druída
coa litúrxica fouce milagrosa,
a lira de ouro e ferro
e a barba de albas rosas frorecida;
o dos craros acentos sonorosos,
cantor dos altos feitos;
o que ordeou, para os afáns groriosos,
aparellar os esforzados peitos.
Irmáns na Causa! Os tempos son chegados!
Nestora de baril rexurdimento,
xa espertou a aldea!
Xa canta o auriol! Xa se randea
a farturenta espiga!
É forza pórse en pé! É nosa obriga
temprar as fouces, encoirar o mallo
e saír animosos, cara á veiga,
a escomenzar o redentor traballo!
Tras do loitar sin trégoa
virá o repouso á soma do carballo!

Irmáns, todos a unha! Arrodeade a leira!
Que regue a nosa Terra o suor noso
e a fouce corra no tronzar certeira!
Escoitade o puxente
berro do vagorosos:
"Diante de vós ondea
a barda de ouro ardente...!
Segade a vosa herdade!
Ai daquel que non seia valente!
Segade, galegos! Con forza! Segade!

En cidades, aldeias e escampados
Galicia enteira estremecida escoita
o brado nunca dado a esquecimento
con que nos chama, impregador, á loita
o que comanda os míticos gurrreiros
do pinal encantado de Froxán,
o que deixou os bélicos loureiros
a verdecer na estrofa que pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

Os tempos son chegados!
Arriba os bos, os fortes e esforzados!
Galicia canta e prega!
Xa madurou a espiga
na campía galega!
Como na enxebre, céltiga cantiga
da alborada que anuncia o alto gozo
das xornadas de sega,
o novo sol, o sol ridente e mozo,
está batendo á porta
da choupana gallega.