domingo, 24 de enero de 2010

A CALZADA DE CAMBADOS



A CALZADA DE CAMBADOS

(Lenzo de Francisco Lloréns)

IN MEMORIAN


Sol de vran. O mar de Arousa,

de praia a praia tendido,

canso de loitar, repousa.

Ceo azulado e senlleiro.

Limpou de néboa á Curota

o maino vento mareiro.

Alá, na boca da ría,

dende a solana da costa

o Con de Noro vixía.

A luz que cai brava e roxa

encende as cunchas de nácar

dos areeiros da Toxa,

atolada e cantareira

crava frechas de diamante

nos negros cons da ribeira,

e, ardendo e brincando, chove

moída en pingas de ouro

nos pinales de Tragove.

Nas ágoas craras e mornas

As velas albas ó sol,

agardan o leste as dornas.

Adiantan quedo quediño

perguiceiras, soñadoras,

durmíndose no camiño,

deixando a popa, tras delas,

leviáns ronseles de prata

como regueiros de estrelas.

Son as doce. Xoga o vento

Co fino e dondo tanguido

da campana do Convento,

E rodan as badaladas

sin rumbo, a ir e vir, voando

como pombas asombradas.

Da Isla a San Saturniño,

pasa esguío, silenzoso,

retinto corvo mariño.

Vai lanzado ras das ágoas

como venablo firente,

agoiro de loito e bágoas.

Neniña, gomo de rosa,

que a sombra dos vellos olmos

froreces leda e ditosa!

Baixo os maternos coidados,

bicada do mar de Arousa

Na Calzada de Cambados,

que lonxe estás nesta hora

de saber que anda no aire

unha frecha feridora.

Dálle un bico a túa nai,

neniña, gomo de rosa!

Dálle un bico, que se vai!


Na parte superior aparece o lenzo de Francisco Lloréns, A Calzada de Cambados. Esta obra foi pintada seguramente no verán de 1924, tempo feliz no que os Lloréns veranearon en Cambados, ignorantes do que ía vir un ano despois. Cabanillas publica na 2ª edición de Da Terra Asoballada (1926) un poema inspirado neste lenzo e dedicado In memoriam, a Eva Rodriguez, muller de Lloréns que morre prematuramente en 1925, deixando dúas fillas pequenas. Eva e a súa filla maior, que tiña entón tres anos son as protagonistas do lenzo e do poema que lle dedica Cabanillas.

Descoñécese o paradeiro do cadro, aproveitamos desde aquí para pedir colaboración para a súa localización.

viernes, 1 de enero de 2010

REMATA O ANO CABANILLAS


BALANCE ANO CABANILLAS

O balance xeral creo que debe ser positivo, fixéronse numerosísimas actividades (quizais de máis?) que permitiron recordar ao poeta e deixar unha pegada nas xeneracións que veñen. Implicáronse na conmemoración escolas, veciños, asociacións e dirixentes políticos, pero eso si, sen demasiada coordinación entre eles, cando non certa desidia e enfrontamentos. Porén rematou o ano cunha certa concordia ao aceptar unanimemente os tres grupos de goberno municipal a celebración o día 9 de novembro como día do poeta e a convocatoria dun premio de poesía que levará o seu nome.

Na sombra desta conmemoración quedará que apenas traspasou o ámbito local, como moito comarcal, e aproveitamos desde aquí para recriminar aos medios de comunicación que as novas sobre os actos celebrados (anque se cubriron sempre) nunca pasaron da edición de Arousa; só recordo que aparecera na portada dun xornal a homenaxe da Real Academia Galega o 14 de novembro. Cando pola contra salta algunha nova sobre temas de narcotráfico en Cambados, esta aparece sempre en primeira plana.

Tamén hai que dicir que a creación da "Fundación Cabanillas" que o noso académico Paco Fernández Rei pedira que se constituíra a principio do ano, segue sen facerse realidade e a Casa-Museo Cabanillas non ten a categoría que o noso poeta merece. Haberá que esperar ao 2034 (75 aniversario do pasamento) para vela?, esperemos que non.


Podes ver as publicacións máis recentes sobre o poeta e as principais novas do ano 2009 sobre el, na páxina web do IES Francisco Asorey