martes, 9 de noviembre de 2010

51 ANIVERSARIO

Hoxe 9 de novembro do 2010 cúmprense 51 anos da morte de Ramón Cabanillas.

Lemos o xornal e vimos a grata nova de que o premio Ramón Cabanillas non caeu no esquecemento e alegrámonos dobremente ao saber que se lle concede este ano, na súa primeira edición a Luís Rei, autor da magnífica biografía de Cabanillas: "Crónica de desterros e saudades" editada por Galaxia. Non se nos ocurre ninguén que o mereza máis. Parabéns.

Para conmemorar este día subimos á rede esta presentación que fixemos para o ano Cabanillas e que pode ser usada libremente con fines educativos.


domingo, 10 de octubre de 2010

PREMIO RAMÓN CABANILLAS, LEMBRAN?

Tabuyo exige la organización de los premios Cabanillas, tal y como acordó el pleno cambadés.

Le a nova no xornal La Voz de Galicia de hoxe.

viernes, 30 de julio de 2010

PÁXINA WEB DE ADELA LEIRO

Estupenda páxina web creada pola nosa amiga Adela Leiro, que pon desinteresadamente e a disposición de tod@s o seu traballo fotográfico, artístico e científico froito de moitos anos de esforzo. Podes vela aquí.

Entre as xoias que atesoura está esta montaxe sobre Cabanillas e a natureza, disfrutádeo.

domingo, 25 de julio de 2010

VIGO, 25 DE XULLO DO ANO 1930


O 25 de xullo de 1930 gran parte dos nacionalistas galegos reuníronse en Vigo para celebrar o 25 de xullo. Primeiro asistiron no Teatro García Barbón aos discursos de Otero Pedrayo ou Castelao e logo a un xantar na Barxa, onde se tirou esta foto. Nela aparecen na primeira fila e de esquerda a dereita: Miguel Bezares, Fernández Mato, Castelao, persoa sen identificar, Valentín Paz Andrade e Ramón Cabanillas (con sombreiro e bastón).

Nese xantar leu Cabanillas este poema:

NO XUNTOIRO DA BARXA

A cumprir as escuras vaguedades,
da costa verdecente ten chegado
o bardo das edades,
lanza e escudo dos bos e xenerosos,
o que apreixou outrora,
no ben acompasado
fungar dos rumorosos,
a profética voz alentadora.

Está con nós, ergueito á beira nosa,
o do céltigo clan, mestre druída
coa litúrxica fouce milagrosa,
a lira de ouro e ferro
e a barba de albas rosas frorecida;
o dos craros acentos sonorosos,
cantor dos altos feitos;
o que ordeou, para os afáns groriosos,
aparellar os esforzados peitos.
Irmáns na Causa! Os tempos son chegados!
Nestora de baril rexurdimento,
xa espertou a aldea!
Xa canta o auriol! Xa se randea
a farturenta espiga!
É forza pórse en pé! É nosa obriga
temprar as fouces, encoirar o mallo
e saír animosos, cara á veiga,
a escomenzar o redentor traballo!
Tras do loitar sin trégoa
virá o repouso á soma do carballo!

Irmáns, todos a unha! Arrodeade a leira!
Que regue a nosa Terra o suor noso
e a fouce corra no tronzar certeira!
Escoitade o puxente
berro do vagorosos:
"Diante de vós ondea
a barda de ouro ardente...!
Segade a vosa herdade!
Ai daquel que non seia valente!
Segade, galegos! Con forza! Segade!

En cidades, aldeias e escampados
Galicia enteira estremecida escoita
o brado nunca dado a esquecimento
con que nos chama, impregador, á loita
o que comanda os míticos gurrreiros
do pinal encantado de Froxán,
o que deixou os bélicos loureiros
a verdecer na estrofa que pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

Os tempos son chegados!
Arriba os bos, os fortes e esforzados!
Galicia canta e prega!
Xa madurou a espiga
na campía galega!
Como na enxebre, céltiga cantiga
da alborada que anuncia o alto gozo
das xornadas de sega,
o novo sol, o sol ridente e mozo,
está batendo á porta
da choupana gallega.


miércoles, 30 de junio de 2010

AXUDA PARA IDENTIFICAR ESTA FOTO


Xoán Antonio Pillado facilitounos esta foto na que aparece Cabanillas pero nos falta por identificar aos outros personaxes, alguén pode axudarnos?

Pola indumentaria e polo aspecto físico de Cabanillas (o primeiro de pé pola esquerda) cremos que é de principios dos anos 30. De todos os presentes só nos parece identificar ao primeiro sentado pola dereita que pudera ser o escritor Evaristo Correa Calderón.

Lembra que o noso enderezo de contacto é mariasorey@gmail.com

domingo, 24 de enero de 2010

A CALZADA DE CAMBADOS



A CALZADA DE CAMBADOS

(Lenzo de Francisco Lloréns)

IN MEMORIAN


Sol de vran. O mar de Arousa,

de praia a praia tendido,

canso de loitar, repousa.

Ceo azulado e senlleiro.

Limpou de néboa á Curota

o maino vento mareiro.

Alá, na boca da ría,

dende a solana da costa

o Con de Noro vixía.

A luz que cai brava e roxa

encende as cunchas de nácar

dos areeiros da Toxa,

atolada e cantareira

crava frechas de diamante

nos negros cons da ribeira,

e, ardendo e brincando, chove

moída en pingas de ouro

nos pinales de Tragove.

Nas ágoas craras e mornas

As velas albas ó sol,

agardan o leste as dornas.

Adiantan quedo quediño

perguiceiras, soñadoras,

durmíndose no camiño,

deixando a popa, tras delas,

leviáns ronseles de prata

como regueiros de estrelas.

Son as doce. Xoga o vento

Co fino e dondo tanguido

da campana do Convento,

E rodan as badaladas

sin rumbo, a ir e vir, voando

como pombas asombradas.

Da Isla a San Saturniño,

pasa esguío, silenzoso,

retinto corvo mariño.

Vai lanzado ras das ágoas

como venablo firente,

agoiro de loito e bágoas.

Neniña, gomo de rosa,

que a sombra dos vellos olmos

froreces leda e ditosa!

Baixo os maternos coidados,

bicada do mar de Arousa

Na Calzada de Cambados,

que lonxe estás nesta hora

de saber que anda no aire

unha frecha feridora.

Dálle un bico a túa nai,

neniña, gomo de rosa!

Dálle un bico, que se vai!


Na parte superior aparece o lenzo de Francisco Lloréns, A Calzada de Cambados. Esta obra foi pintada seguramente no verán de 1924, tempo feliz no que os Lloréns veranearon en Cambados, ignorantes do que ía vir un ano despois. Cabanillas publica na 2ª edición de Da Terra Asoballada (1926) un poema inspirado neste lenzo e dedicado In memoriam, a Eva Rodriguez, muller de Lloréns que morre prematuramente en 1925, deixando dúas fillas pequenas. Eva e a súa filla maior, que tiña entón tres anos son as protagonistas do lenzo e do poema que lle dedica Cabanillas.

Descoñécese o paradeiro do cadro, aproveitamos desde aquí para pedir colaboración para a súa localización.

viernes, 1 de enero de 2010

REMATA O ANO CABANILLAS


BALANCE ANO CABANILLAS

O balance xeral creo que debe ser positivo, fixéronse numerosísimas actividades (quizais de máis?) que permitiron recordar ao poeta e deixar unha pegada nas xeneracións que veñen. Implicáronse na conmemoración escolas, veciños, asociacións e dirixentes políticos, pero eso si, sen demasiada coordinación entre eles, cando non certa desidia e enfrontamentos. Porén rematou o ano cunha certa concordia ao aceptar unanimemente os tres grupos de goberno municipal a celebración o día 9 de novembro como día do poeta e a convocatoria dun premio de poesía que levará o seu nome.

Na sombra desta conmemoración quedará que apenas traspasou o ámbito local, como moito comarcal, e aproveitamos desde aquí para recriminar aos medios de comunicación que as novas sobre os actos celebrados (anque se cubriron sempre) nunca pasaron da edición de Arousa; só recordo que aparecera na portada dun xornal a homenaxe da Real Academia Galega o 14 de novembro. Cando pola contra salta algunha nova sobre temas de narcotráfico en Cambados, esta aparece sempre en primeira plana.

Tamén hai que dicir que a creación da "Fundación Cabanillas" que o noso académico Paco Fernández Rei pedira que se constituíra a principio do ano, segue sen facerse realidade e a Casa-Museo Cabanillas non ten a categoría que o noso poeta merece. Haberá que esperar ao 2034 (75 aniversario do pasamento) para vela?, esperemos que non.


Podes ver as publicacións máis recentes sobre o poeta e as principais novas do ano 2009 sobre el, na páxina web do IES Francisco Asorey