A CALZADA DE CAMBADOS
(Lenzo de Francisco Lloréns)
IN MEMORIAN
Sol de vran. O mar de Arousa,
de praia a praia tendido,
canso de loitar, repousa.
Ceo azulado e senlleiro.
Limpou de néboa á Curota
o maino vento mareiro.
Alá, na boca da ría,
dende a solana da costa
o Con de Noro vixía.
A luz que cai brava e roxa
encende as cunchas de nácar
dos areeiros da Toxa,
atolada e cantareira
crava frechas de diamante
nos negros cons da ribeira,
e, ardendo e brincando, chove
moída en pingas de ouro
nos pinales de Tragove.
Nas ágoas craras e mornas
As velas albas ó sol,
agardan o leste as dornas.
Adiantan quedo quediño
perguiceiras, soñadoras,
durmíndose no camiño,
deixando a popa, tras delas,
leviáns ronseles de prata
como regueiros de estrelas.
Son as doce. Xoga o vento
Co fino e dondo tanguido
da campana do Convento,
E rodan as badaladas
sin rumbo, a ir e vir, voando
como pombas asombradas.
Da Isla a San Saturniño,
pasa esguío, silenzoso,
retinto corvo mariño.
Vai lanzado ras das ágoas
como venablo firente,
agoiro de loito e bágoas.
Neniña, gomo de rosa,
que a sombra dos vellos olmos
froreces leda e ditosa!
Baixo os maternos coidados,
bicada do mar de Arousa
Na Calzada de Cambados,
que lonxe estás nesta hora
de saber que anda no aire
unha frecha feridora.
Dálle un bico a túa nai,
neniña, gomo de rosa!
Dálle un bico, que se vai!
Na parte superior aparece o lenzo de Francisco Lloréns, A Calzada de Cambados. Esta obra foi pintada seguramente no verán de 1924, tempo feliz no que os Lloréns veranearon en Cambados, ignorantes do que ía vir un ano despois. Cabanillas publica na 2ª edición de Da Terra Asoballada (1926) un poema inspirado neste lenzo e dedicado In memoriam, a Eva Rodriguez, muller de Lloréns que morre prematuramente en 1925, deixando dúas fillas pequenas. Eva e a súa filla maior, que tiña entón tres anos son as protagonistas do lenzo e do poema que lle dedica Cabanillas.
Descoñécese o paradeiro do cadro, aproveitamos desde aquí para pedir colaboración para a súa localización.