viernes, 30 de julio de 2010

PÁXINA WEB DE ADELA LEIRO

Estupenda páxina web creada pola nosa amiga Adela Leiro, que pon desinteresadamente e a disposición de tod@s o seu traballo fotográfico, artístico e científico froito de moitos anos de esforzo. Podes vela aquí.

Entre as xoias que atesoura está esta montaxe sobre Cabanillas e a natureza, disfrutádeo.

domingo, 25 de julio de 2010

VIGO, 25 DE XULLO DO ANO 1930


O 25 de xullo de 1930 gran parte dos nacionalistas galegos reuníronse en Vigo para celebrar o 25 de xullo. Primeiro asistiron no Teatro García Barbón aos discursos de Otero Pedrayo ou Castelao e logo a un xantar na Barxa, onde se tirou esta foto. Nela aparecen na primeira fila e de esquerda a dereita: Miguel Bezares, Fernández Mato, Castelao, persoa sen identificar, Valentín Paz Andrade e Ramón Cabanillas (con sombreiro e bastón).

Nese xantar leu Cabanillas este poema:

NO XUNTOIRO DA BARXA

A cumprir as escuras vaguedades,
da costa verdecente ten chegado
o bardo das edades,
lanza e escudo dos bos e xenerosos,
o que apreixou outrora,
no ben acompasado
fungar dos rumorosos,
a profética voz alentadora.

Está con nós, ergueito á beira nosa,
o do céltigo clan, mestre druída
coa litúrxica fouce milagrosa,
a lira de ouro e ferro
e a barba de albas rosas frorecida;
o dos craros acentos sonorosos,
cantor dos altos feitos;
o que ordeou, para os afáns groriosos,
aparellar os esforzados peitos.
Irmáns na Causa! Os tempos son chegados!
Nestora de baril rexurdimento,
xa espertou a aldea!
Xa canta o auriol! Xa se randea
a farturenta espiga!
É forza pórse en pé! É nosa obriga
temprar as fouces, encoirar o mallo
e saír animosos, cara á veiga,
a escomenzar o redentor traballo!
Tras do loitar sin trégoa
virá o repouso á soma do carballo!

Irmáns, todos a unha! Arrodeade a leira!
Que regue a nosa Terra o suor noso
e a fouce corra no tronzar certeira!
Escoitade o puxente
berro do vagorosos:
"Diante de vós ondea
a barda de ouro ardente...!
Segade a vosa herdade!
Ai daquel que non seia valente!
Segade, galegos! Con forza! Segade!

En cidades, aldeias e escampados
Galicia enteira estremecida escoita
o brado nunca dado a esquecimento
con que nos chama, impregador, á loita
o que comanda os míticos gurrreiros
do pinal encantado de Froxán,
o que deixou os bélicos loureiros
a verdecer na estrofa que pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

Os tempos son chegados!
Arriba os bos, os fortes e esforzados!
Galicia canta e prega!
Xa madurou a espiga
na campía galega!
Como na enxebre, céltiga cantiga
da alborada que anuncia o alto gozo
das xornadas de sega,
o novo sol, o sol ridente e mozo,
está batendo á porta
da choupana gallega.


miércoles, 30 de junio de 2010

AXUDA PARA IDENTIFICAR ESTA FOTO


Xoán Antonio Pillado facilitounos esta foto na que aparece Cabanillas pero nos falta por identificar aos outros personaxes, alguén pode axudarnos?

Pola indumentaria e polo aspecto físico de Cabanillas (o primeiro de pé pola esquerda) cremos que é de principios dos anos 30. De todos os presentes só nos parece identificar ao primeiro sentado pola dereita que pudera ser o escritor Evaristo Correa Calderón.

Lembra que o noso enderezo de contacto é mariasorey@gmail.com

domingo, 24 de enero de 2010

A CALZADA DE CAMBADOS



A CALZADA DE CAMBADOS

(Lenzo de Francisco Lloréns)

IN MEMORIAN


Sol de vran. O mar de Arousa,

de praia a praia tendido,

canso de loitar, repousa.

Ceo azulado e senlleiro.

Limpou de néboa á Curota

o maino vento mareiro.

Alá, na boca da ría,

dende a solana da costa

o Con de Noro vixía.

A luz que cai brava e roxa

encende as cunchas de nácar

dos areeiros da Toxa,

atolada e cantareira

crava frechas de diamante

nos negros cons da ribeira,

e, ardendo e brincando, chove

moída en pingas de ouro

nos pinales de Tragove.

Nas ágoas craras e mornas

As velas albas ó sol,

agardan o leste as dornas.

Adiantan quedo quediño

perguiceiras, soñadoras,

durmíndose no camiño,

deixando a popa, tras delas,

leviáns ronseles de prata

como regueiros de estrelas.

Son as doce. Xoga o vento

Co fino e dondo tanguido

da campana do Convento,

E rodan as badaladas

sin rumbo, a ir e vir, voando

como pombas asombradas.

Da Isla a San Saturniño,

pasa esguío, silenzoso,

retinto corvo mariño.

Vai lanzado ras das ágoas

como venablo firente,

agoiro de loito e bágoas.

Neniña, gomo de rosa,

que a sombra dos vellos olmos

froreces leda e ditosa!

Baixo os maternos coidados,

bicada do mar de Arousa

Na Calzada de Cambados,

que lonxe estás nesta hora

de saber que anda no aire

unha frecha feridora.

Dálle un bico a túa nai,

neniña, gomo de rosa!

Dálle un bico, que se vai!


Na parte superior aparece o lenzo de Francisco Lloréns, A Calzada de Cambados. Esta obra foi pintada seguramente no verán de 1924, tempo feliz no que os Lloréns veranearon en Cambados, ignorantes do que ía vir un ano despois. Cabanillas publica na 2ª edición de Da Terra Asoballada (1926) un poema inspirado neste lenzo e dedicado In memoriam, a Eva Rodriguez, muller de Lloréns que morre prematuramente en 1925, deixando dúas fillas pequenas. Eva e a súa filla maior, que tiña entón tres anos son as protagonistas do lenzo e do poema que lle dedica Cabanillas.

Descoñécese o paradeiro do cadro, aproveitamos desde aquí para pedir colaboración para a súa localización.

viernes, 1 de enero de 2010

REMATA O ANO CABANILLAS


BALANCE ANO CABANILLAS

O balance xeral creo que debe ser positivo, fixéronse numerosísimas actividades (quizais de máis?) que permitiron recordar ao poeta e deixar unha pegada nas xeneracións que veñen. Implicáronse na conmemoración escolas, veciños, asociacións e dirixentes políticos, pero eso si, sen demasiada coordinación entre eles, cando non certa desidia e enfrontamentos. Porén rematou o ano cunha certa concordia ao aceptar unanimemente os tres grupos de goberno municipal a celebración o día 9 de novembro como día do poeta e a convocatoria dun premio de poesía que levará o seu nome.

Na sombra desta conmemoración quedará que apenas traspasou o ámbito local, como moito comarcal, e aproveitamos desde aquí para recriminar aos medios de comunicación que as novas sobre os actos celebrados (anque se cubriron sempre) nunca pasaron da edición de Arousa; só recordo que aparecera na portada dun xornal a homenaxe da Real Academia Galega o 14 de novembro. Cando pola contra salta algunha nova sobre temas de narcotráfico en Cambados, esta aparece sempre en primeira plana.

Tamén hai que dicir que a creación da "Fundación Cabanillas" que o noso académico Paco Fernández Rei pedira que se constituíra a principio do ano, segue sen facerse realidade e a Casa-Museo Cabanillas non ten a categoría que o noso poeta merece. Haberá que esperar ao 2034 (75 aniversario do pasamento) para vela?, esperemos que non.


Podes ver as publicacións máis recentes sobre o poeta e as principais novas do ano 2009 sobre el, na páxina web do IES Francisco Asorey

lunes, 2 de noviembre de 2009

domingo, 1 de noviembre de 2009

IRLANDA

Terence Mac Swiney, alcalde de Cork


¡Irlanda!



¡Irmanciña dourada

que pasáche-lo mar!

¡Ante a brétema, o tanguido

da campaíña de San Patricio zoando vai!

Carne, sangue, osos celtas!

¡Irlanda! ¡Irlanda irmán!

¡Ten unha nova estrela o noso ceo

e ten uns santos novos noso altar!

Chegóu o teu berro

ós cons de Fisterre que baten o mar

e abréu o teu laio, salouco e ruxido,

as vellas feridas do vello Breogán…

¡xa está cheo de sangue bermello

o cáliz do San Graal!

¡Irmanciña adourada

que pasáche-lo mar!

A lanza gloriosa dos feitos heroicos e os sagros misterios

en alto…afiada…na man!


Este poema foi publicado na 2ª edición do libro Da Terra Asoballada de 1926.

Para Cabanillas e os galeguistas das Irmandades da fala, Irlanda era unha terra irmá de Galicia: situada nun finisterre, xeográficamente similar, cunha lingua propia que foi en parte desprazada por unha lingua allea e cun pobo pobre e fortemente afectado pola emigración. Irlanda era un referente ademais para estes galeguistas porque obtería en 1921 a independencia de Gran Bretaña, e estes homes, fose independencia ou autonomía para Galicia, era o que aspiraban a conseguir de España.


O poema aparece publicado, cremos, por vez primeira, na revista
A Nosa Terra do 1 de febreiro de 1921, e logo en Nós, o 5 de decembro de 1921, dentro dunha homenaxe que se lle fai a Mac Swiney, alcalde de Cork, líder da causa irlandesa, morto a resultas dunha folga de fame nun cárcere onde estaba preso polos ingleses (o 25 de outubro de 1920). Con esta referencia, as alusións, en clave pondaliana, ao mito de Breogán, cobran un novo sentido, e esa nova estrela, eses santos novos e o sangue que enche o Sant Graal, parecen unha homenaxe expresa aos heroes irlandeses en xeral e a Mac Swiney en particular.



domingo, 2 de agosto de 2009

CABANILLAS-CHRISTINA ROSSETTI


Christina Rossetti retratada polo seu irmán

Christina Rossetti (1830-1894) foi unha poeta pre-rafaelista inglesa irmá do pintor Dante Gabriel Rossetti. Cabanillas versionou dous poemas seus, un aparece na 1ª edición de Vento Mareiro (1915), "Costa Arriba" e outro en Versos de alleas terras e de tempos idos, 1955, "Canción". Reproducimos a continuación, os poemas orixinais e as versións ao galego de Cabanillas:


Up-Hill

DOES the road wind up-hill all the way?
Yes, to the very end.
Will the day's journey take the whole long day?
From morn to night, my friend.
But is there for the night a resting-place?
A roof for when the slow dark hours begin.
May not the darkness hide it from my face?
You cannot miss that inn.
Shall I meet other wayfarers at night?
Those who have gone before.
Then must I knock, or call when just in sight?
They will not keep you standing at that door.
Shall I find comfort, travel-sore and weak?
Of labour you shall find the sum.
Will there be beds for me and all who seek?
Yea, beds for all who come.

Costa Arriba

- ¿É sempre costa arriba ese sendeiro?
- Todo el é costa súpera, empinada
- ¿Chegar ó cume leva o día enteiro?
- Dende a aurora ó serán dura a xornada.

-¿Hai garimoso alpendre alá na altura?
-Atoparás pra descansar un niño.
-¿Non me fará perder a noite escura?
- Non, nadia se perdéu nese camiño.

- ¿Qué xentes estarán alí acougadas?
- As que diante de ti foron rubindo.
- ¿Non toparei as portas atrancadas?
- Sí, pro ó chamar contestaranche abrindo.

- ¿Acharei paz ó recadar maltreito?
- Verás que o teu door, calmo, sosega.
- ¿Para min, para todos habrá leito?
- ¡Para todo o que chega!


Song

WHEN I am dead, my dearest,
Sing no sad songs for me:
Plant thou no roses at my head,
Nor shady cypress tree:
Be the green grass above me
With showers and dewdrops wet;
And if thou wilt, remember,
And if thou wilt, forget.
I shall not see the shadows,
I shall not feel the rain;
I shall not hear the nightingale
Sing on, as if in pain;
And dreaming through the twilight
That doth not rise nor set,
Haply I may remember,
And haply may forget.


Canción

Si me ven levar
a morte amiga
non cantes, meu amor,
triste cantiga
nin chantes a carón do meu sartego
o salgueiro chorón:
que me cobra erba mol, erba mollada
polas bágoas da choiva e da orballada,
e , si queres, relémbrame en sosego,
esquéceme si non.

Na espesura das somas sepelido,
sin serán nin abrente, meu oído
dos nosos corazóns -dous reiseñores-
no-escoitará a canción.
Dos soños e ledicias do pasado
nas vagorosas néboas mergullado,
non sei si lembraréi nosos amores...
Cicáis si, cicáis non!
Seica sí, seica non !

Podes escoitar o poema orixinal en inglés en You Tube

"PARA LOS CORRELIGIONARIOS"


Ramón Cabanillas, xantar no Brexo, 1910 aprox.


O 30 de decembro de 1910 envía unha carta desde Cuba (conservada no arquivo da RAG) aos seus amigos cambadeses, co poema, dedicado a eles, "A los correligionarios". Na carta aparecen as fotos recortadas dalgún dos seus amigos ao lado do fragmento do poema que lle dedica. As fotos corresponden ás realizadas por Cabanillas e os seus amigos en dúas comidas na casa de Severino Barreiro, no Brexo.



Xaquín Sánchez Peña


¡San Joaquín que abandonaste
a tu esposa Santa Ana
Jefe de la policía,
descubridor de cobachas:
remedio contra carcomas
que con desenfado llama
a los que roban, ladrones:
y al sinvergüenza,canalla;
mala lengua que a pesar
del defecto de la pata,
cruza sin mojar los pies
el camino de la Granja!



Juán Vidal

¡Mi Juanito, moderado
en política y en palabras:
el compañero más fiel
desde la edad de la infancia
inventor maravilloso.........
de una neurastenia rara,
eternamente dispuesto
a pulsar una guitarra
a cantar un vals moderno
y a darle fin a una jarra!



Antonio Pillado

¡O mi Pillado risueño,
el de la lengua “internacia”,
el de los pesares hondos
de rebeldías sensatas;
novio de la libertad,
enemigo de sotanas;
el que si el vino lo achispa
con chistes nos emborracha;
el que vive por la idea
y esencia republicana,
esperando el santo día,
con el alma hipotecada!



Benito Silva


¡Benito Santo patrono
de la cambadesa hampa,
el violinista más malo
de la era cristiana:
discutidor incansable
de cuestiones matemáticas:
teológicas, lingúisticas,
fosfóricas y espermáticas:
indiferente por gusto,
carlista de circunstancias:
buen bebedor, buen amigo,
admirador de la cama
que a fuerza de estar tumbado
se ha coronado de canas!

............................

¡Cómo sueño con vosotros
en esta tierra cubana!

¡Campana de Fefiñáns,
quén as túas badaladas
no anoitecer melancólico
i o alborear escoitara!

¡Congostras de Santomé,
verediñas da Calzada,
quén vos poudera pisar
anque me enchera de lama!

Virvirichos do sarrido,
xoubas, castañas asadas,
viño novo de Tragove,
pan agre de millablanca,
cachelos, xurés fretidos...
quen por acá vos pillara!

CABANILLAS-RILKE-TWOMBLY



The Rose, Cy Twombly, Gagosian Gallery, London. Homenaxe a Rilke.


Les Roses. Raine María Rilke.


XII
Contre
qui, rose,
avez-vous adopté
ces épines ?
Votre joie trop fine
vous a-t-elle forcée
de devenir cette chose
armée ?
Mais
de qui vous protège
cette arme exagérée ?
Combien d'ennemis vous ai-je
enlevés
qui ne la craignaient point.
Au contraire, d'été en automne,
vous blessez les soins
qu'on vous donne.

¿Contra
quién, rosa,
has adoptado
estas espinas?
¿Tu alegría demasiado fina
te obligó
a transformarte en esta cosa
armada?
Pero,
¿de quién te proteje
esta arma exagerada?
Cuántos enemigos te he
sacado
que no le tenían miedo alguno.
Al contrario, del verano al otoño,
hieres los cuidados
que se te prodigan.


Fragmento de Rosiña Rosa, No Desterro, 1913

¡Denantes de que te embruxe,
fuxe, fuxe
deste príncipe encantado
nos teus castelos de ensono!
¡Anque o corazón anegues
coas roxas bágoas que chores,
fuxe de loucos amores!
¡Non te chegues
ás roseiras!
¡Nos xardíns e nas silveiras
morren recendos e cores
das rosiñas
somentes son duradeiras
as espiñas!

sábado, 1 de agosto de 2009

CAMIÑO ADIANTE...



En setembro de 1910, o noso poeta embarca cara a América, no vapor Dania.

Este é o primeiro poema do seu primeiro libro: "Camiño Adiante", No Desterro, Visións Gallegas, La Habana, Cuba, 1913. Volverá a aparecer en Da Terra Asoballada de 1917 e na 2ª edición deste mesmo libro de 1926.


CAMIÑO ADIANTE…

Camiño adiante, triste sin congoxa,
a frente erguida, o paso ventureiro,
ó lombo un pau e nel cangada a roupa
envolveita nun pano, o pensamento
na chouza en que vivéu seus anos mozos,
o amor á terra en que nacéu no peito,
unha visión de brétema nos ollos
e unha copra nostálxica nos beizos
camiño adiante…adiante… ¡sempre adiante!
alónxase da aldea o bon labrego.
Creente nas virtudes da súa raza,
valente no sufrir, forte, sereo
coa humilde maxestá daqueles reises
relixiosos, pastores e guerreiros
que adouraban a Dios nas altas cumes
da noite no misterio,
tiñan por pazo unha cativa chouza
e o trono ó pé dun vello castiñeiro;
canso de sementar en terra escrava
de vergoñosos feudos;
agrilloado por ladróns caciques,
amos sin lei e sin honor; famento
do día da xusticia que alumée
a libertá dos servos,
do día en que o fouciño,
sin piedá, sin perdón, a lume e sangue,
dende os castros suevos
ás covas en que os lobos se entobaron
baixe en nome de Dios e do Dereito,
buscando redención…,camiño adiante,
alónxase da aldea o bó labrego.
Abride paso ó loitador! Da mina
no temeroso e abafante seo,
sudando a fío baixo o sol ardente,
batido pola neve e polo vento
na montana, mollado na lameira,
antre as aréas roxas do deserto,
sobre as ágoas do mar, no bosque virxe…
traballará pra redimir seus eidos
crebando sobre as testas dos tiranos
as cadeas que o teñen prisioneiro.

E trunfará na loita que en sí leva
as forzas que han de darlle o vencimento:
fé cega no porvir, o nobre e santo
amor á terra en que nacéu no peito,
unha visión de brétema nos ollos
e unha copra nostálxica nos beizos!

3 de xuño de 1876

Ramón Cabanillas Enríquez nace en Fefiñáns, Cambados, nunha casa da rúa Novidades, o 3 de xuño de 1876. Cumpríronse o pasado mes de xuño 133 anos.



Casa natal do poeta, hoxe casa-museo Ramón Cabanillas

NA CASA VELLA

Patín, solana, alboio...
todo se veu a terra!

Quedan soio as paredes
alombadas, cubertas
polo follaxe espeso
das silvas e das edras.

Nun esquinal, enriba
da lousa da lareira,
amostra o forno a boca
codrada e furruxenta.

No chan, antre a friaxe
das orballadas erbas,
apodrecen os cangos
do tellaván.

Na eira,
un loureiro velliño
desfóllase de pena
nas ágoas empozadas
e escuras dunha aberta.

O piorno, destellado,
caída-las madeiras,
é un altar no que vive
a impoñente tristeza
duns dioses esquecidos,
sin ceo e sin igrexa.

Hai ó pé dun valado
unha fonte que deita
pingotas como bágoas,
nunha taza de pedra
chea de fentos bravos
e frores ventureiras.

Na xunta dunhas lousas
da cornisa desfeita,
no que queda máis outo,
prendeu unha roseira
que, afeita o señorío,
borracha de soberbia,
como un pendón guerreiro
na punta dunha almena,
puxo a groria arumada
dunhas rosas sangrentas.

Ó rededor da casa
o que denantes era
coidado labradío,
agora é unha toxeira
na que rín as homildes
chorimas amarelas...

Tellado dos amores
que te viñeche a terra!
Loureiro das espranzas
desfollado coas penas!
Roseira dos groriosos
ensonos que se alexan!
Frores deste desterro,
chorimas amarelas!
Altariño esquecido
dende que se foi Ela...

tamén dentro da alma
teño unha casa vella!

Vento Mareiro, 1915