sábado, 1 de agosto de 2009

3 de xuño de 1876

Ramón Cabanillas Enríquez nace en Fefiñáns, Cambados, nunha casa da rúa Novidades, o 3 de xuño de 1876. Cumpríronse o pasado mes de xuño 133 anos.



Casa natal do poeta, hoxe casa-museo Ramón Cabanillas

NA CASA VELLA

Patín, solana, alboio...
todo se veu a terra!

Quedan soio as paredes
alombadas, cubertas
polo follaxe espeso
das silvas e das edras.

Nun esquinal, enriba
da lousa da lareira,
amostra o forno a boca
codrada e furruxenta.

No chan, antre a friaxe
das orballadas erbas,
apodrecen os cangos
do tellaván.

Na eira,
un loureiro velliño
desfóllase de pena
nas ágoas empozadas
e escuras dunha aberta.

O piorno, destellado,
caída-las madeiras,
é un altar no que vive
a impoñente tristeza
duns dioses esquecidos,
sin ceo e sin igrexa.

Hai ó pé dun valado
unha fonte que deita
pingotas como bágoas,
nunha taza de pedra
chea de fentos bravos
e frores ventureiras.

Na xunta dunhas lousas
da cornisa desfeita,
no que queda máis outo,
prendeu unha roseira
que, afeita o señorío,
borracha de soberbia,
como un pendón guerreiro
na punta dunha almena,
puxo a groria arumada
dunhas rosas sangrentas.

Ó rededor da casa
o que denantes era
coidado labradío,
agora é unha toxeira
na que rín as homildes
chorimas amarelas...

Tellado dos amores
que te viñeche a terra!
Loureiro das espranzas
desfollado coas penas!
Roseira dos groriosos
ensonos que se alexan!
Frores deste desterro,
chorimas amarelas!
Altariño esquecido
dende que se foi Ela...

tamén dentro da alma
teño unha casa vella!

Vento Mareiro, 1915

No hay comentarios:

Publicar un comentario