Mostrando entradas con la etiqueta 25 de xullo. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta 25 de xullo. Mostrar todas las entradas

domingo, 25 de julio de 2010

VIGO, 25 DE XULLO DO ANO 1930


O 25 de xullo de 1930 gran parte dos nacionalistas galegos reuníronse en Vigo para celebrar o 25 de xullo. Primeiro asistiron no Teatro García Barbón aos discursos de Otero Pedrayo ou Castelao e logo a un xantar na Barxa, onde se tirou esta foto. Nela aparecen na primeira fila e de esquerda a dereita: Miguel Bezares, Fernández Mato, Castelao, persoa sen identificar, Valentín Paz Andrade e Ramón Cabanillas (con sombreiro e bastón).

Nese xantar leu Cabanillas este poema:

NO XUNTOIRO DA BARXA

A cumprir as escuras vaguedades,
da costa verdecente ten chegado
o bardo das edades,
lanza e escudo dos bos e xenerosos,
o que apreixou outrora,
no ben acompasado
fungar dos rumorosos,
a profética voz alentadora.

Está con nós, ergueito á beira nosa,
o do céltigo clan, mestre druída
coa litúrxica fouce milagrosa,
a lira de ouro e ferro
e a barba de albas rosas frorecida;
o dos craros acentos sonorosos,
cantor dos altos feitos;
o que ordeou, para os afáns groriosos,
aparellar os esforzados peitos.
Irmáns na Causa! Os tempos son chegados!
Nestora de baril rexurdimento,
xa espertou a aldea!
Xa canta o auriol! Xa se randea
a farturenta espiga!
É forza pórse en pé! É nosa obriga
temprar as fouces, encoirar o mallo
e saír animosos, cara á veiga,
a escomenzar o redentor traballo!
Tras do loitar sin trégoa
virá o repouso á soma do carballo!

Irmáns, todos a unha! Arrodeade a leira!
Que regue a nosa Terra o suor noso
e a fouce corra no tronzar certeira!
Escoitade o puxente
berro do vagorosos:
"Diante de vós ondea
a barda de ouro ardente...!
Segade a vosa herdade!
Ai daquel que non seia valente!
Segade, galegos! Con forza! Segade!

En cidades, aldeias e escampados
Galicia enteira estremecida escoita
o brado nunca dado a esquecimento
con que nos chama, impregador, á loita
o que comanda os míticos gurrreiros
do pinal encantado de Froxán,
o que deixou os bélicos loureiros
a verdecer na estrofa que pregoa
a redenzón da boa
nazón de Breogán.

Os tempos son chegados!
Arriba os bos, os fortes e esforzados!
Galicia canta e prega!
Xa madurou a espiga
na campía galega!
Como na enxebre, céltiga cantiga
da alborada que anuncia o alto gozo
das xornadas de sega,
o novo sol, o sol ridente e mozo,
está batendo á porta
da choupana gallega.