domingo, 15 de mayo de 2011

PREMIO "RAMÓN CABANILLAS"


O pasado sábado 12 de maio fíxose entrega no Auditorio Municipal do VIII Premio Ramón Cabanillas, organizado polos libreiros de Cambados (bueno, non todos os libreiros). Resultou un acto bonito, con magníficas actuacións musicais e moi emotivo; especialmente cando se leu a carta que Luís Rei (de viaxe) lle enviou ao seu amigo Emilio ou cando falou o propio Emilio. Alí estiveron tamén Francisco Fernández Rei, Xosé Vázquez Pintor, Saúl Otero, Domingo Tabuyo... a familia de Emilio, e moita outra xente que casi enchía o aforo da Xuventude. Especial relevancia tiveron, na miña opinión, os rogos que o noso académico, Paco Fernández Rei, fixo ao futuro Goberno Municipal e que foron (espero non esquecer algún):

- Que se cree dunha ver a prometida Fundación Cabanillas

- Que se poñan placas naquelas casas nas que viviu o poeta como son a da Rúa Real e a da Rúa Hospital.

- Que de deseñe un roteiro-turístico literario sobre Cabanillas e Cambados, algo sobre o que teñen traballado dabondo en Candea, Manuel Núñez e Adela Leiro

- Que se adecente a tumba do poeta en Bonaval e se graven os versos do seu epitafio, como foi o seu desexo.

Mágoa que a prensa comarcal non dedicase nin unha soa liña ao acontecido alí. Escápasenos o criterio que siguen os xornais para a selección das novas, eu pensaba hai tempo que era a relevancia dos acontecementos pero descubro cada día que non debe ser ese o motivo.

E falando doutro tema a situación neste momento é que temos dous premios Ramón Cabanillas, o do Concello e o dos libreiros. Non me parece mal, a categoría do poeta dá para iso e máis pero habería que poñerse dacordo; cousa que poucas veces fai o actual goberno municipal que soe ir por libre, sin contar con outros sectores da cidadanía, entrando a saco e sen delicadeza ningunha e polo tanto ferindo sensibilidades; co pouco que costa falar!

Pois ben persoalmente creo que que os dous premios non son incompatibles. O premio dos libreiros naceu coma un recoñecemento a aquelas persoas da cultura que teñen unha vinculación estreita con Cambados e que traballaron en favor do noso pobo. E se non recordo mal o premio do Concello creouse, co acordo dos tres grupos políticos do Concello, como un premio de poesía; paréceme ben que na súa primeira edición se lle concedese a Luís Rei, xa dixen nesta tribuna que non sei de ninguén que o mereza máis pero nas sucesivas edicións o premio debe volver á fin pola que foi creado, esto é, un premio de poesía. Así que pido ao futuro goberno municipal que non se durma (como aconteceu o ano pasado) e convoque este premio con tempo e con sustancioso premio material para que se animen importantes poetas do país a participar. E lembrar que Ramón Cabanillas finou un 9 de novembro, e debe ser ese día cando se faga a entrega do premio, así que repito, non hai que durmirse.

Remato cun poema de Emilio Ínsua, excelente investigador e ensaísta e tamén magnífico poeta, e estou dacordo co seu amigo Luís Rei cando animou ao de Viveiro a volver de novo á poesía, que a ten un pouco esquecida. Pertence ao seu libro "Devalar das esperas". Demos grazas que aínda haxa quen se dedique a facer "contos" e versos, como di Moncho Caride, "a vida sen Literatura sería só Existencia"

Esta sinxela estrutura de carne que somos

acobilla no seu seo a poesía de mil séculos de historia

desde que o home é home e está ferido polo amor

pola morte, pola batalla incandescente do dia a dia.


Este artellado conxunto de óso e líquido

arrolado e batido por choivas e ventos

acocha no seu cerne mil follas de vida nova,

mil mornas carícias , mil apertas sen medida,

tamén mil lábios como espellos.


Este exacto cronómetro que lle dá pulo ao ser

co seu ir e vir acompasado e necesario

garda na súa febra apaixonada unha cantiga

que ha soar no noso ouvido no xusto intre

en que nos embargue co seu berro a ausencia.


Esta clara materia nascida para ser terra ou lama,

mentres está en pé, desafía un por un todos os escuros,

sabe a mel infinito e irrepetíbel,

sobarda o límite da nada, enchendo

cada minuto e cada segundo co rolar

alegre e confiado da esperanza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario